Descripción de AUGA PARA TODOS
Auga para todos contén un relato de cuestións esenciais sobre a auga: a súa importancia para os seres vivos, as características da súa localización e dinámica no planeta e o enfoque que actualmente debería ter a súa contabilidade. Pero, sobre todo, este libro presta un interese especial aos usos da auga desde a historia e a xeografía, facendo fincapé nas prioridades e dereitos do seu aproveitamento. Habitamos un planeta limitado nos seus recursos, entre os que se atopa nomeadamente, como un dos máis escasos e prezados, a auga, razón pola cal a súa utilización está sometida a moitas tensións derivadas do incremento imparable dos seus usuarios e dunha demanda por persoa cada vez maior. A auga é un ben moi cobizado e do que dependen moitos equilibrios xeopolíticos. Pero, por riba de todo, da auga depende a vida, a nosa e a dos ecosistemas. Por iso é necesario coñecérmola: con agarimo, con interese e coa conciencia clara dos valores que están en xogo.