Descripción de AQUILES E A BÁGOA
Di Ana Ramil: «Lembra os sucos que labrei a bicos mentres eras terra / e reptaba arrastrando o meu corazón sobre ti». Entrar nestas páxinas é entrar na verdade fonda da gran poesía. A ruliña do bo amor tende ante nós, nestes poemas, unha suma de versos trenzados nos remuíños da memoria. Volve neles a condena á fugacidade do tempo xunto ao antídoto da palabra, que axuda a embelecer a inevitable certeza da desaparición. Son poemas que atopan, máis alá do ton elexíaco, as arelas da reafirmación na esperanza.